terça-feira, 12 de maio de 2009

Poucas sorpresas

Na Asemblea Nacional Extraordinaria do Bloque Nacionalista Galego, a representación por delegados funcionou coma un mecanismo de reloxería. Unha simple extrapolación matemática dos resultados por comarcas houbera levado ó mesmo resultado, tanto na elección do Consello Nacional coma na da Executiva Nacional, unha vez que non houbo acordo para a candidatura única, como tamén se prevía.
En canto ás emendas, tampouco pasou nengunha. A pesares da escenificación de defensa do documento por parte únicamente da UPG, os independentes de +BNG utilizaron os seus votos para axudar a botar abaixo calquera que non fose súa. Iso sí, tomaron nota coidadosamente, uns e máis os outros, das cifras a favor ou en contra das emendas nas que se botaron un pulso, para ir coñecendo os apoios cos que podía contar cadaquén nos restos non controlados.
No tinteiro, defendidas pero decaídas sen que for preciso contar, pola abrumadora masa unida de quenes remataron por repartirse o órgano de dirección, quedaron emendas que, por exemplo, querían abrir xa a porta á recuperación do asemblearismo, ou o emprego da tecnoloxía informática na información á militancia e na participación da mesma.
Ademais da "asemblea máis democrática da historia", puidemos contemplar a pervivencia de eivas que nos afectaban e a aparición de outras novas. A votación condicionada, ou sobre guión, ou os aplausos selectivos son fenómenos que non por vellos deberan facernos sentir menos avergoñados.
En fin, despois de prantexar aquelo que consideramos lamentable, compre ver o positivo. O Consello Nacional, a Executiva Nacional e o Portavoz Nacional foron eleitos pola maioría dos presentes e, polo tanto, son Consello, Executiva e Portavoz de toda a militancia do BNG. Tócanos a todas e todos poñer a un lado as visións propias sobre o proxecto común e berrar conxuntamente: Adiante co BNG!

terça-feira, 5 de maio de 2009

Información e decisión

Os e as militantes do Bloque Nacionalista Galego queremos información e decisión sobre a vida política do partido ó que pertencemos, porque nós somos o BNG. No BNG dispomos dunha ferramenta, O BNG INFORMA, que chega a aquiles/as militantes que demos o noso enderezo electrónico para as comunicacións. Dende un punto de vista teórico é o non vai máis na comunicación organización-militante. Na práctica é unha cousiña bastante patética, a traveso da que non se achega a cada afiliado/a ó BNG máis información ca aquela á que ten acceso calquera outro usuario de internet: as comparecencias de deputados, parlamentarios e senadores están á dispoñibilidade pública nas respectivas páxinas oficiais; as posturas oficiais do BNG a respecto de determinados temas, veñen sendo discursiños que todos/as podemos dar sempre e cando dispoñamos da información.

Na Cuarta Vía aspiramos a que cada militante teña información puntual do discutido nos Consellos e Executivas Nacionais. Queremos que as grandes decisións, e non só as cantadas como a postura a respecto da Constitución Europea, se tomen en base ó que todas e todos debatamos e non a redaccións que só dean forma a acordos tomados detrás do cenario e que serán apoiados, porque xa estaba pactado, por maiorías do Consello Nacional, convertido hoxe en a penas unha claqué das decisións executivas.

Queremos que o BNG fuxa da tendencia dos últimos tempos a crear unha organización cuns cantos líderes e uns miles de peóns. Se queremos aspirar a gobernar o País non queda outra que converternos nunha organización de miles de líderes traballando conxuntamente polo mesmo fin. Obxectivamente, como organización de masas, non podemos competir coas que xa existen, igual que os do Ribeiro temos claro que non podemos competir en viños de mesa.

quarta-feira, 29 de abril de 2009

Máis asemblearismo, non menos

Porque o asemblearismo é unha marca do BNG, tan manifesta como o termo Galiza para definir ó País. Porque é o que nos distingue, e debe seguir a distinguirnos, dos partidos sensu estricto, e lea cada quen as siglas que lle pareza nesta afirmación. Porque vale tanto un militante de base como un conselleiro. Porque para algo o BNG conta -debe contar- coa militancia máis formada e mellor informada.

Non nos vale a escusa dos tempos de decisión. Vivimos no século XXI e non no XIX, e dispomos de tecnoloxías coas que os nosos antergos nin soñaban. Resulta sinxelo crear foros virtuais cos que sondar o parecer de toda a militancia que desexe expresalo. Tamén é posible adxudicar chaves persoais coas que cada militante poida votar, dun xeito vinculante, cando se trata de temas cardinais, incluida a elección do Consello Nacional, de forma que ninguén quede fóra porque lle sexa imposible asistir á Asemblea Nacional ou incluso á Comarcal.

Por outra banda, é necesario revitalizar as Asembleas Comarcais, de xeito que non se transformen en simples foros de aceptación das decisións xa tomadas polos órganos do BNG. As comarcas deben establecer datas anuais para a celebración de Asembleas Comarcais ordinarias nas que debater sobre os temas locais. Os/as militantes debemos sentir que a nosa opinión é importante á hora de tomar decisións que nos afectan a todos/as, decisións que máis tarde teremos a obriga de defender.

quinta-feira, 23 de abril de 2009

O carro diante dos bois

Di o artigo 33 do Regulamento da Asemblea Nacional Extraordinaria:

"Unha vez electos, os/as 50 membros do Consello Nacional elaborarán -de común acordo co candidato a Portavoz- unha proposta de candidatura de Executiva Nacional que deberá incluír como nº 1 o/a candidato/a á Portavocía Nacional. O/a Candidato/a a Portavoz Nacional presentará á Asemblea Nacional a proposta para a súa elección..."

É a primeira vez no documento que se menciona a figura do candidato a Portavoz Nacional. É certo que o Regulamento ten lagoas e deixa flocos soltos, pero en todo caso non se contemplaba que esa figura xa tivese nomes durante o proceso de elección de delegados. Esa toma de posicións está a crear un mal ambiente interno e danos una imaxe lamentable cara á sociedade. Seguimos a pecar de gravidade e verticalismo. Supoñíase que a representación por delegados sería outra cousa: cada un ou unha levaría o sentir de compañeiras e compañeiros da súa comarca á Asemblea Nacional. Se xa considerabamos que o sistema de delegados estaba viciado nunha fronte asemblearia como a nosa, esta nova volta de rosca rematou de nos convencer da necesidade da volta ó asemblearismo.

quarta-feira, 22 de abril de 2009

Presentación da candidatura

Compañeiras e compañeiros, conta Castelao no Sempre en Galiza unha anécdota do político conservador Antonio Maura que lle contaron estando desterrado en Badaxoz. Seica o vello Maura chegou un día a un ‘cortijo’ estremeño. O dono da finca gabouse de ter as mellores instalacións do país. “Eiquí dormen os porcos”, “Eiquí pairen as porcas –dicía o terratenente-. Todo alí estaba limpo, claro e relucente. E chegaron a un cortello inmundo, estrado de palla e de sacos vellos. “Qué é esto?” –preguntou o político conservador-. “Este é o lugar onde dormen os peóns” –respondeulle o dono da fina-. Entón Maura deulle este aviso, a modo de consello: “Pois... procure vostede que non esperten”.

Pois ben, istes peóns espertaron e queremos ser escoitados. A nosa candidatura naceu espontaneamente de entre a militancia de esta comarca e non ten ideas preconcibidas en canto ás opinións dos compañeiros e compañeiras nin en canto ó seu voto na Asemblea Nacional. Acostumamos escoitar e non só oír simplemente porque o noso interlocutor non sexa da nosa opinión.

Así a todo, temos claro o que queremos, resumido en dez ideas que algúns de vós xa tivestes oportunidade de ler e das que me gostaría comentar algunhas. Aquelas que consideramos fundamentais.

Queremos recuperar o asemblearismo, e non só a nivel nacional, senón tamén a nivel comarcal, onde xa só se convocan as asembleas que require a Executiva. O formato asemblear foi o historicamente adoptado polo BNG e converteuse ó longo dos anos no máis acaído a unha formación cunha militancia excepcionalmente preparada e crítica. Cremos que todos e todas os militantes teñen igual importancia, independentemente de se ostentan ou non cargos institucionais ou responsabilidades internas, e o mesmo dereito a ser escoitados. Cremos que tamén é función primordial das asembleas comarcais debater sobre os temas que lles son propios e os prantexados polos seus militantes, e polo tanto que se deben convocar asembleas comarcais en datas fixadas anualmente con este fin.

Cremos, polo tanto, que se debe dotar á militancia de información axeitada e participación nas decisións. Unha formación como a nosa, que non conta con medios de comunicación propios e nin tan sequera afíns, dispón en calquera caso do mesmo medio que a levou a onde hoxe está e incluso a cotas máis altas: a militancia. Compre cultivar á militancia facilitándolle información sobre o traballo dos órganos inter-asembleares e dos distintos cargos institucionais, así como darlle poder de decisión sobre os temas cardinais que ocupan a un e outro aspecto da vida do BNG. Consideramos que unha executiva en funcións non é quen para tomar unilateralmente a decisión sobre con quen debe ou non coligarse o BNG de cara ás eleccións europeas e consideramos que xa existen foros, como son as asembleas comarcais, e que se deben crear outros novos que faciliten o acceso de todos e todas nós á toma de decisións. Un foro permanente, que permiten as novas tecnoloxías, non estaría mal, un foro que permita escoitar o que cada militante ten que dicir sobre determinado tema, e que impida a escusa dos tempos de reacción, tanto políticos como gobernamentais. Tampouco sobraría artellar mecanismos para que as votacións asemblearias, sempre individuais e indelegables, se puidesen realizar por correo ou por vía electrónica.

Pensamos que se debe retomar a palabra autodeterminación e o discurso soberanista, xa que nos últimos anos quedámonos unicamente coas últimas tres sílabas. A reforma do Estatuto e a inclusión do termo nación serían un grande avance, pero non poden converterse no obxectivo do BNG en si mesmos. Non podemos renunciar a que Galiza se autogoberne e decida o seu propio destino.

Consideramos que a defensa da lingua debe facerse sen ambaxes porque é o noso recurso vertebrador básico. Sen ela somos como corpos sen osos. A lingua non pide esmola nin é unha nai velliña. O único que nos pide é que lembremos cada minuto que está aí e quere seguir estando. Que non é necesario entrarlle ó trapo a cada provocador pero si defender claramente con todas as nosas capacidades as fracas conquistas que no seu favor se levan acadado. E por iso mesmo tamén é moi importante que os compañeiros e compañeiras responsables do BNG, tanto a nivel público como de partido, falen cun mínimo de corrección.

Cremos que é fundamental recuperar a rúa a todos os niveis, como o noso esteo central que é. Temos que poñer sempre os principios por diante de todo. A lealdade ó cogoberno da pasada lexislatura supuxo apoiar iniciativas que minguaron a nosa ilusión e a nosa credibilidade diante do electorado. Por iso mesmo convén separar os cargos institucionais e as responsabilidades no BNG, polo menos nos niveis máis altos da administración, para que non se repita o sacrificio ideolóxico no altar dos pactos conxunturais do cogoberno, sempre sen consultar ós compañeiros e compañeiras (plus de ex altos cargos, p.e.). Recuperar a rúa tamén supón a integración e colaboración cos axentes sociais, a recuperación do diálogo con entidades e asociacións que nos foron afíns. Véñensenos enriba catro anos máis de longa noite de pedra e ninguén que de corazón apoie o proxecto nacionalista debe quedar fóra.

Queremos, para rematar, manifestar o noso absoluto respecto polas demais candidaturas que se presentan pola comarca, expresar que o noso único interese é o ben do BNG, e congratularnos ademais da alta participación nesta asemblea.

DECALOGO DA CUARTA VIA

Recuperar o asemblearismo, tamén nas comarcas.

Dotar á militancia de información e participación nas decisións.

Integrarse e participar nos axentes sociais.

Separar os cargos institucionais e as responsabilidades no BNG.

Recuperar a rúa.

Volver ó discurso soberanista.

Defender a lingua sen ambaxes e usala como é debido.

Escoitar a todas as correntes internas.

Ampliar a base militante.

Recuperar o camiño nacionalista e de esquerdas.