terça-feira, 5 de maio de 2009

Información e decisión

Os e as militantes do Bloque Nacionalista Galego queremos información e decisión sobre a vida política do partido ó que pertencemos, porque nós somos o BNG. No BNG dispomos dunha ferramenta, O BNG INFORMA, que chega a aquiles/as militantes que demos o noso enderezo electrónico para as comunicacións. Dende un punto de vista teórico é o non vai máis na comunicación organización-militante. Na práctica é unha cousiña bastante patética, a traveso da que non se achega a cada afiliado/a ó BNG máis información ca aquela á que ten acceso calquera outro usuario de internet: as comparecencias de deputados, parlamentarios e senadores están á dispoñibilidade pública nas respectivas páxinas oficiais; as posturas oficiais do BNG a respecto de determinados temas, veñen sendo discursiños que todos/as podemos dar sempre e cando dispoñamos da información.

Na Cuarta Vía aspiramos a que cada militante teña información puntual do discutido nos Consellos e Executivas Nacionais. Queremos que as grandes decisións, e non só as cantadas como a postura a respecto da Constitución Europea, se tomen en base ó que todas e todos debatamos e non a redaccións que só dean forma a acordos tomados detrás do cenario e que serán apoiados, porque xa estaba pactado, por maiorías do Consello Nacional, convertido hoxe en a penas unha claqué das decisións executivas.

Queremos que o BNG fuxa da tendencia dos últimos tempos a crear unha organización cuns cantos líderes e uns miles de peóns. Se queremos aspirar a gobernar o País non queda outra que converternos nunha organización de miles de líderes traballando conxuntamente polo mesmo fin. Obxectivamente, como organización de masas, non podemos competir coas que xa existen, igual que os do Ribeiro temos claro que non podemos competir en viños de mesa.

1 comentário:

  1. O BNG, especialmente a nivel comarcal, non é máis que un instrumento propagandístico. O BNG, como organización política debe ser, primeiro de todo, un foro de debate político capaz de idear e por en marcha os proxectos para resolver as carencias e problemas que nos atinxan.

    ResponderEliminar