terça-feira, 12 de maio de 2009

Poucas sorpresas

Na Asemblea Nacional Extraordinaria do Bloque Nacionalista Galego, a representación por delegados funcionou coma un mecanismo de reloxería. Unha simple extrapolación matemática dos resultados por comarcas houbera levado ó mesmo resultado, tanto na elección do Consello Nacional coma na da Executiva Nacional, unha vez que non houbo acordo para a candidatura única, como tamén se prevía.
En canto ás emendas, tampouco pasou nengunha. A pesares da escenificación de defensa do documento por parte únicamente da UPG, os independentes de +BNG utilizaron os seus votos para axudar a botar abaixo calquera que non fose súa. Iso sí, tomaron nota coidadosamente, uns e máis os outros, das cifras a favor ou en contra das emendas nas que se botaron un pulso, para ir coñecendo os apoios cos que podía contar cadaquén nos restos non controlados.
No tinteiro, defendidas pero decaídas sen que for preciso contar, pola abrumadora masa unida de quenes remataron por repartirse o órgano de dirección, quedaron emendas que, por exemplo, querían abrir xa a porta á recuperación do asemblearismo, ou o emprego da tecnoloxía informática na información á militancia e na participación da mesma.
Ademais da "asemblea máis democrática da historia", puidemos contemplar a pervivencia de eivas que nos afectaban e a aparición de outras novas. A votación condicionada, ou sobre guión, ou os aplausos selectivos son fenómenos que non por vellos deberan facernos sentir menos avergoñados.
En fin, despois de prantexar aquelo que consideramos lamentable, compre ver o positivo. O Consello Nacional, a Executiva Nacional e o Portavoz Nacional foron eleitos pola maioría dos presentes e, polo tanto, son Consello, Executiva e Portavoz de toda a militancia do BNG. Tócanos a todas e todos poñer a un lado as visións propias sobre o proxecto común e berrar conxuntamente: Adiante co BNG!

2 comentários:

  1. Dilo polo de Adiante co BNG? Considero que é o máis, senón o único, positivo -re-encontros persoais a parte- dun congreso caracterizado básicamente pola súa negatividade.

    ResponderEliminar