quarta-feira, 22 de abril de 2009

Presentación da candidatura

Compañeiras e compañeiros, conta Castelao no Sempre en Galiza unha anécdota do político conservador Antonio Maura que lle contaron estando desterrado en Badaxoz. Seica o vello Maura chegou un día a un ‘cortijo’ estremeño. O dono da finca gabouse de ter as mellores instalacións do país. “Eiquí dormen os porcos”, “Eiquí pairen as porcas –dicía o terratenente-. Todo alí estaba limpo, claro e relucente. E chegaron a un cortello inmundo, estrado de palla e de sacos vellos. “Qué é esto?” –preguntou o político conservador-. “Este é o lugar onde dormen os peóns” –respondeulle o dono da fina-. Entón Maura deulle este aviso, a modo de consello: “Pois... procure vostede que non esperten”.

Pois ben, istes peóns espertaron e queremos ser escoitados. A nosa candidatura naceu espontaneamente de entre a militancia de esta comarca e non ten ideas preconcibidas en canto ás opinións dos compañeiros e compañeiras nin en canto ó seu voto na Asemblea Nacional. Acostumamos escoitar e non só oír simplemente porque o noso interlocutor non sexa da nosa opinión.

Así a todo, temos claro o que queremos, resumido en dez ideas que algúns de vós xa tivestes oportunidade de ler e das que me gostaría comentar algunhas. Aquelas que consideramos fundamentais.

Queremos recuperar o asemblearismo, e non só a nivel nacional, senón tamén a nivel comarcal, onde xa só se convocan as asembleas que require a Executiva. O formato asemblear foi o historicamente adoptado polo BNG e converteuse ó longo dos anos no máis acaído a unha formación cunha militancia excepcionalmente preparada e crítica. Cremos que todos e todas os militantes teñen igual importancia, independentemente de se ostentan ou non cargos institucionais ou responsabilidades internas, e o mesmo dereito a ser escoitados. Cremos que tamén é función primordial das asembleas comarcais debater sobre os temas que lles son propios e os prantexados polos seus militantes, e polo tanto que se deben convocar asembleas comarcais en datas fixadas anualmente con este fin.

Cremos, polo tanto, que se debe dotar á militancia de información axeitada e participación nas decisións. Unha formación como a nosa, que non conta con medios de comunicación propios e nin tan sequera afíns, dispón en calquera caso do mesmo medio que a levou a onde hoxe está e incluso a cotas máis altas: a militancia. Compre cultivar á militancia facilitándolle información sobre o traballo dos órganos inter-asembleares e dos distintos cargos institucionais, así como darlle poder de decisión sobre os temas cardinais que ocupan a un e outro aspecto da vida do BNG. Consideramos que unha executiva en funcións non é quen para tomar unilateralmente a decisión sobre con quen debe ou non coligarse o BNG de cara ás eleccións europeas e consideramos que xa existen foros, como son as asembleas comarcais, e que se deben crear outros novos que faciliten o acceso de todos e todas nós á toma de decisións. Un foro permanente, que permiten as novas tecnoloxías, non estaría mal, un foro que permita escoitar o que cada militante ten que dicir sobre determinado tema, e que impida a escusa dos tempos de reacción, tanto políticos como gobernamentais. Tampouco sobraría artellar mecanismos para que as votacións asemblearias, sempre individuais e indelegables, se puidesen realizar por correo ou por vía electrónica.

Pensamos que se debe retomar a palabra autodeterminación e o discurso soberanista, xa que nos últimos anos quedámonos unicamente coas últimas tres sílabas. A reforma do Estatuto e a inclusión do termo nación serían un grande avance, pero non poden converterse no obxectivo do BNG en si mesmos. Non podemos renunciar a que Galiza se autogoberne e decida o seu propio destino.

Consideramos que a defensa da lingua debe facerse sen ambaxes porque é o noso recurso vertebrador básico. Sen ela somos como corpos sen osos. A lingua non pide esmola nin é unha nai velliña. O único que nos pide é que lembremos cada minuto que está aí e quere seguir estando. Que non é necesario entrarlle ó trapo a cada provocador pero si defender claramente con todas as nosas capacidades as fracas conquistas que no seu favor se levan acadado. E por iso mesmo tamén é moi importante que os compañeiros e compañeiras responsables do BNG, tanto a nivel público como de partido, falen cun mínimo de corrección.

Cremos que é fundamental recuperar a rúa a todos os niveis, como o noso esteo central que é. Temos que poñer sempre os principios por diante de todo. A lealdade ó cogoberno da pasada lexislatura supuxo apoiar iniciativas que minguaron a nosa ilusión e a nosa credibilidade diante do electorado. Por iso mesmo convén separar os cargos institucionais e as responsabilidades no BNG, polo menos nos niveis máis altos da administración, para que non se repita o sacrificio ideolóxico no altar dos pactos conxunturais do cogoberno, sempre sen consultar ós compañeiros e compañeiras (plus de ex altos cargos, p.e.). Recuperar a rúa tamén supón a integración e colaboración cos axentes sociais, a recuperación do diálogo con entidades e asociacións que nos foron afíns. Véñensenos enriba catro anos máis de longa noite de pedra e ninguén que de corazón apoie o proxecto nacionalista debe quedar fóra.

Queremos, para rematar, manifestar o noso absoluto respecto polas demais candidaturas que se presentan pola comarca, expresar que o noso único interese é o ben do BNG, e congratularnos ademais da alta participación nesta asemblea.

2 comentários: